Wednesday 08 de May de 2024

A ruta solidaria a favor da asociación Misela agarda reunir a máis de 400 persoas en Noia o vindeiro domingo 20 de outubro


 

As inscricións están abertas ata as 23:59 horas do mércores 16 e outubro en https://cronocheck.com/ruta-solidaria-2019 por 5 euros

O salón de plenos do Concello de Noia acolleu esta mañá a presentación ruta solidaria a favor da asociación “Misela”, que terá lugar o vindeiro domingo 20 de outubro organizada pola Trabandainas en colaboración co Concello de Noia. Para participar só é preciso anotarse en https://cronocheck.com/ruta-solidaria-2019 antes das 23:59 horas do mércores 16 de outubro ou contactar con Trabandainas a través do mail clubtrabandainas@gmail.com ou do teléfono 683 35 41 97. O custe da inscrición é de 5 euros.

Unha iniciativa solidaria na “xa estamos anotadas preto de 300 persoas pero agardamos chegar ás 400 do ano pasado, entre participantes e colaboradores, porque todo o que se recade irá ao 100% para Misela”, explica José Manuel Dosil, da directiva do club Trabandainas. Neste sentido, a presidenta do club, Pilar Santamaría, fixo un chamamento á participación porque “Misela necesítanos a todos nós e queremos contar con todos vós”.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Laura Salgado, destacou que “o labor de Misela é fundamental porque favorece a vida independente de persoas con discapacidade”, polo que animou a toda a veciñanza a participar na ruta solidaria. Finalmente, Mari Carmen Hermida, presidenta de Misela, agradeceu “todo o cariño que nos teñen, sempre pendentes de nós e porque saben as necesidades que temos. Espero que todo o mundo colabore, algo que agradecemos por adiantado”.

Ruta solidaria

A ruta solidaria a favor da asociación Misela 2019 sairá ás 9:15 horas do domingo 20 de outubro de diante da Casa do Concello de Noia, punto de encontro dende as 8:30 horas. O percorrido será de 12 quilómetros, partindo do monolito conmemorativo do 850 aniversario de Noia, pasando pola ponte medieval do río Traba, a aldea abandonada de Xei, os muíños da Ponte de San Francisco, o paseo fluvial do río Tállara, o dolmen da Cova da Moura, a Fervenza de Agrgalo e a fábrica da Chaínza, para volver a Noia pola Igrexa de San Martiño e o Cruceiro da praza da Constitución.

A expedición rematará na casa consistorial de Noia, onde tomarán un refixerio e onde todas as persoas asistentes poderán mercar algún dos produtos elaborados polo alumnado de Misela. A ruta está organizada polo club Trabandainas e conta coa colaboración do Concello de Noia, Misela, Confraría de Pescadores de Noia, Gadis, Autos Comparado, Noia Histórica, MetalNoia, Restaurante O Rei Martiño, Castro e Gómez e Freire.